sábado, 1 de agosto de 2009

A encrucillada do mexilón galego

Calquera observador que repare nos datos do sector mexilloeiro en Galicia quedaría impresionado. Estamos nun marco privilexiado, temos o 30% da produción mundial e a riqueza xerada repártese nunha base social de 3.000 unidades familiares. Contamos con toda a tecnoloxía necesaria de xeito autóctono e somos un sector pioneiro que naceu alá polos anos cincuenta para se converter en referente mundial. Isto en canto á incidencia directa, porque na indirecta xa estaríamos a falar de conserveiras, cocedoiros, depuradoras, fábricas de redes e cordas, asteleiros, construtores de bateas, transportistas...


Vendo estes datos dun xeito superficial, diríamos que nos encontramos coa nai de todos os negocios. Nunca máis lonxe da realidade, posto que o sector atravesa a súa enésima crise total. Somos un colectivo onde prima a fragmentación e o asociacionismo localista e onde a única norma verdaderiramente duradeira é a de todos contra todos. Pero non sempre foi así, posto que houbo un tempo nesta última década en que a cohesión do sector lle outorgou unha fortaleza da cal temos morriña, para na actualidade poder afrontar con garantías os retos que se vislumbran no horizonte. Ante semellante perspectiva, a única solución válida é a cohesión, unidade de criterios e coordinación nas actuacións, posto que temos tantos perigos coma oportunidades en común, e por moito que nos empeñemos, moitísimas máis cousas que nos unen das que nos separan. Ademais temos unha asignatura pendente que é a protección do noso produto, identificándoo cun nome e certificando a calidade que nunca lle faltou. Entón xa estaríamos a falar lunha Denominación de Orixe Protexida que nestes intres é a única arma da que dispomos para nos defender das importacións masivas dun produto totalmente diferente ao noso tanto en calidade como en seguridade alimentaria, pero que nos está a facer unha brutal e desleal competencia, posto que o mexillón galego rexe a súa comercialización por uns estritos controis sanitarios e unha trazabilidade clara, sendo todo isto certificado pola administración. No outro lado do océano, os certificados de salubridade necesarios para a exportación encárganos e fináncianos os propios produtores. Iso en cuestión de transparencia é coma si nunhas eleccións o reconto dos votos o fixera un só partido.


A gran pregunta é como se chegou a esta situación. Foi cando unha parte do sector conserveiro, apoiada e animada por unha clase políticva aínda latente, se adicou a potenciar a produción de mexillón nun país no que non existe hábito de consumo. Mentres uns se adicaban a producir, outros desbrozaban o camiño para poder introducilo en Europa. Deste xeito podemos encontrar nos mercados latas de conserva que no mesmo envase conteñen mexillóns de diferentes procedencia: uns con garantías certificadas e axustando a calidade e orixe ao que di a etiqueta, e outros postos aí en aras do libre mercado, como se para a liberdade dos mercados só contara a rendibilidade económica dos importadores e non a saúde e a información veraz aos consumidores. Para que isto aconteza, alguén ten que consentilo, porque é unha vulneración das normas elementais do mercado. Por iso toda esa xente teme tanto a DOP, e que ninguén dubide que van tratar de desactivala por tódolos medios. Un xeito de facelo con probada eficacia neste sector sería influír nas próximas eleccións, colocando ao fronte da DOP a xente cunha clara vocación distorsionadora e segregacionista, como xa ocorreu non hai demasiado tempo nalgunha das organizacións maioritarias do sector. É un método perfecto, posto que quen o programa sae indemne, mentres a cara visible é quen pasa a ser recordada. Xa por todos é sabido que os tontos útiles somentes lle son de utilidade aos seus programadores, non a eles mesmos nen aos seus compañeiros de camiño.


Visto o visto, so me queda lembrar un dito popular do meu pobo: peor que levar unha hostia é non saber quen cha dou.